
Que é?
AlgoEntreNós é unha plataforma interactiva que alberga recursos e materiais centrados na prevención da violencia machista no contexto das relacións heterosexuais de adolescentes.
Trátase dun programa que facilita que o profesorado de secundaria dinamice cinco sesións de aula onde o alumnado terá que enfrontarse e superar cinco retos.

Para que?
O obxectivo deste programa é dobre:
- Dotar ao profesorado de recursos e materiais centrados na prevención da violencia machista no contexto das relacións heterosexuais de adolescentes.
- Lograr que o alumnado reflexione sobre o botrato como a alternativa para ter relacións libres de violencia machista.
Para quen?
AlgoEntreNós está deseñado para traballar nas aulas de 1º e 2º da ESO. Os materiais, recursos e actividades están adaptados para traballar na realidade do alumnado entre 12 e 14 anos.
Neste curso escolar, o 2021-2022, estamos a desenvolver a fase piloto do programa, a cal servirá para testar o programa en diferentes centros educativos. Unha vez rematemos, abriremos a participación a todos os centros educativos galegos.


Como?
Proporase aos grupos-clase participantes unha viaxe que se dividirá en 5 etapas, as cales terán lugar nesta plataforma web e, sobre todo, na aula a través de 5 sesións.
En cada unha das etapas, deberán ir superando os diferentes retos que lles propoñemos. Estes retos faranlles repensar algunhas vivencias persoais e reflexionar sobre as relacións afectivas.
Para poder desenvolver as 5 etapas-sesións e guiar ao grupo-clase a través delas, o profesorado contará co apoio de guías didácticas, materiais de traballo e actividades/retos para que o alumnado complete na propia aula. Así mesmo, será acompañado en todo o proceso por unha equipa profesional.